MES DO LIBRO: "A AVENTURA DA LECTURA"
Abril é o mes do libro. Onte celebrouse o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e o día 23 celebrarase o Día Mundial do Libro e os Dereitos de Autor.
Por iso, para este mes propóñoche dedicar todos os días uns minutos a un libro, sexa en papel ou dixital. Valen libros de todo tipo: de contos, de poesía, de aventuras, de receitas, de biografías, de inventos, de curiosidades, de animais, de plantas, novelas, enciclopedias, cómics...
Escolle cada día un libro e dedícalle algún tempo. Se é en papel fíxate na cuberta (por fóra, parte de diante), na contracuberta (por fóra, parte de atrás), no lombo (por fóra, a parte que ves na seguinte foto), no índice, no número de páxinas, nas ilustracións… Le todos os días en silencio e tamén uns minutos en voz alta.
E que me dis dos teus libros favoritos? Eses que che gusta ver e ler unha e outra vez? Dedícalle tamén un tempo e preséntallos a alguén, como faciamos na clase.
Como non podemos ir ás bibliotecas, podemos acceder ás propostas das súas webs e blogs. Tamén temos a opción dos contacontos. Por exemplo, a sección “Contos contados” de KalandrakaTV: http://www.kalandraka.tv/gl/index.php
Cando rematen as vacacións de Pascua propoñereivos algunhas actividades relacionadas cos libros. Polo momento...
HOXE PRESENTO... UN CONTO E UN POEMA
Presentación do conto Cuentos al revés
Viaxaremos xunto con Gianni Rodari a un mundo de fantasía, onde os contos suceden ó revés. No seguinte enlace podédelo ler, é moi fácil e curto, con ilustracións preciosas.
O conto completo en PDF Cuentos al revés
O conto completo en PDF Cuentos al revés
Ler, contar, inventar e xogar cos contos pode resultar tremendamente divertido. Como di Antón Cortizas neste poema, poden ser contos longos, de veras, disparatados, de risa...
HEICHE
CONTAR…
HEICHE CONTAR
UN CONTO MOI LONGO
QUE NON TEN
FINAL, TAMPOUCO PRINCIPIO.
HEICHE CONTAR
UN CONTO DE RISA:
ISTO ERA UNHA
VEZ UN REI SEN CAMISA.
HEICHE CONTAR
UN CONTO DE VERAS:
POR MOITO QUE
PENSO NON SEI COMO ERA.
HEICHE CONTAR
UN CONTO SEN PRÉSAS
QUE NUNCA SE
ACABA NIN NUNCA COMEZA.
Antón Cortizas
Aínda que nesta Semana Santa non podemos viaxar nin saír da casa, sempre temos a opción de deixarnos levar pola nosa imaxinación. Coa axuda dos libros podemos viaxar por todo o mundo sen movernos do sitio!
Besiños a moreas e os meus mellores desexos para estes días de vacacións.




